InicioEconomíaA patroal da metalurxia en Galicia amosa o seu apoio aos traballadores...

A patroal da metalurxia en Galicia amosa o seu apoio aos traballadores de Alcoa

Os obreiros contribuirán a aliviar o colapso do Banco de Alimentos da Mariña doando cadansúa bolsa solidaria, que entregarán o vindeiro venres en Foz

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou este luns da visita de representantes de Asime, a asociación de industriais metalúrxicos de Galicia, á planta de Cervo, onde trasladaron aos sindicatos a súa preocupación pola situación da fábrica de aluminio, pendente da aplicación dun expediente de regulación de emprego (ERE) para 524 traballadores, que afectaría a outros alomenos 400 da industria auxiliar.

Tras a reunión deste luns, o comité subliñou que “isto constata que todos os sectores da sociedade teñen a mesma percepción do problema, que non é outra que a de que a fábrica é esencial e estratéxica e que non se pode cometer o erro de prescindir da única fábrica de aluminio primario de España”.

Neste escenario, os sindicatos urxiron de novo a intervención temporal da factoría, previa á venda a Liberty House, para o mantemento dos postos de traballo.

Este mércores celébrase a vista no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para resolver sobre as medidas cautelares presentadas contra o ERE.

O Ministerio de Industria asegurou estar pendente do que resolvan os tribunais antes de decidir sobre unha eventual intervención da planta.

INICIATIVA SOLIDARIA

Por outra banda, o comité concretou que colaborará co Banco de Alimentos da Mariña Lucense ante os efectos que está a ter na bisbarra a crise económica provocada polo coronavirus. O persoal do complexo industrial de Cervo acudirá o vindeiro venres, 30 de outubro, a facer unha doazón á sé da organización, en Foz.

Cartel da colaboración co Banco de Alimentos. AXM

Segundo expuxeron os sindicatos, o persoal fará unha ringleira, desde as 11.00 horas, na rúa Corporacións Municipais da vila focega, onde se entregarán bolsas solidarias. Os traballadores de Alcoa queren así ofrecer o seu grao de area ante o colapso do Banco de Alimentos, que pasou de abastecer 386 familias antes da crise a 795 na actualidade.

AS CENTRAIS PIDEN CONSUMIR NO COMERCIO E HOSTALERÍA LOCAIS

O comité tamén quixo mandar unha mensaxe de apoio ao comercio e a hostalería despois da adopción de restricións a fin de evitar contaxios, que supuxeron unha redución dos aforamentos. “A nova ondada do virus e a declaración do estado de alarma agravan a situación, comprometendo a continuidade de moitos negocios. É por iso que pedimos ao persoal que consuma na Mariña, e tamén nestes sectores que nos apoiaron na nosa loita incluso cando xa padecían as consecuencias” da Covid-19, explicou.

As centrais sindicais pregaron ao persoal “que manteña a distancia de seguridade e o uso da máscara”, explicando que, no contexto de folga indefinida, a quenda de noite será realizada unicamente polo comité de empresa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...